Durante finais do S. XIII e até o remate da Idade Media, Cuntis observa nas súas terras o máximo esplendor do desenvolvemento do sistema feudal, onde señores de importantes liñaxes galegas gobernan e administran parroquias, aldeas, persoas... e erguían nos seus territorios importantes edificacións símbolo de poder, de control territorial e diferenza social.

S. MIGUEL DE COUSELO PERDE A SÚA AUTONOMÍA
Xa a comezos do S. XIV S. Miguel de Couselo non se atopaba na mellor das condicións económicas e pon en venda parte daqueles importantes herdos mariñeiros que mercara en 1064.

Finalmente, este mosteiro cuntiense pasa a se integrar, concretamente no ano 1390, como comunidade anexa á de San Martiño Pinario; perde a súa autonomía e configúrase como un simple priorado dese cenobio santiagués.

S. PAIO DE ANTEALTARES E A FREGUESÍA DE ARCOS DE FURCOS
Ao anexionarse San Breixo e San Martiño de Arcos de Furcos ao mosteiro de San Paio de Antealtares, as terras deste cenobio cuntiense pasan a ser administradas polo de Santiago. No entanto durante a segunda metade do S XIV a maior parte dos seus herdos serán controlados por dúas monxas do convento compostelán de Santa María de Belvís, posuidoras de non poucos patrimonios nesta freguesía. Significativo disto foi a denominación pola que se coñeceu, neses anos do Baixo Medievo, ao lugar de Furco: Furco de Villar Donega. O termo Villar (pronunciado Vilar) daba conta da existencia dun núcleo de poboación; e Donega (que procede do termo latino Dominica ou Dominicata) fai relación ás súas posuidoras, ás mulleres ou donas.

A documentación indícanos que durante este período nesta zona cultivábase millo miúdo, cebada e viño; e como explotacións agropecuarias que eran tamén había galiñas, e gandos ovino, porcino e vacún... O traballo das terras ao carón de importantes casais deu orixe, en séculos vindeiros, á creación dalgún pazo -pousa ou casa grande- que faría historia até os nosos días.

Fragmento documental do Mosteiro de Couselo e do Pazo de Soutelo

PROPIEDADES CUTIENSES DO PRIORADO DE S. XOÁN DA COVA
Temos comentado que as propiedades que na freguesía de Arcos de Furcos tivo o seu mosteiro pasarían directamente á administración de San Paio de Antealtares. Porén, non o foron todos os seus lugares: Furco (non o Furco coñecido como Furco de Villar Donega senón outro localizado no lugar da Casiña), pertenceu a San Miguel de Couselo (logo a San Martiño Pinario) e Ferreiros, na parte máis setentrional desta parroquia, pasou a depender da comunidade de San Xoán da Cova, logo da entrega que del fixo un burgués compostelán no 1500.

A ORDE DO SANTO SEPULCRO EN ARCOS DE FURCOS
Outra mostra de que a freguesía de San Breixo de Arcos non dependeu na súa totalidade de San Paio de Antealtares é o feito de que o couto de Arcos de Furcos que debeu coincidir coa entidade de poboación homónima, hoxe Arcos de Arriba, estivese a mediados do S. XIV na posesión da orde militar e relixiosa do Santo Sepulcro de Xerusalén. Esta milicia cristiá tiña por obxectivo a protección dos santos lugares.

Non sabemos cando estas propiedades cuntienses pasan a formar parte dela, nin as razóns do seu traspaso á orde de Malta, pero unha pregunta que xorde do feito de existiren propiedades desta milicia en Arcos de Furcos sería se isto foi debido, en maior ou menor medida, á influencia do Camiño de Santiago, así como á proximidade do santuario compostelán. De feito, todo apunta a que por estas terras

Rosetón da antiga igrexa de San Breixo de Arcos de Furcos

cuntienses discorreu unha alternativa menor xacobea que conectaba as terras de Barro, Moraña, Cuntis, A Estrada e Teo con Santiago de Compostela.

Enlace relacionado
Camiño portugués

Até o de agora descubrimos como interveñen as comunidades monacais no control territorial, porén quédanos ver como o fixeron as diversas liñaxes fidalgas ou burguesas que gobernaron os seus pazos e torres intervindo de forma decisiva na explotación dos recursos do campo co sometemento dunha boa parte da sociedade.

A CASA FORTE DE SEBIL
Localizada na freguesía de Cequeril, próxima ao río Umia esta edificación castrense existía cando menos dende o solpor do S. XIII.

Sobre a súa estrutura coñecemos unicamente o que se deriva da definición de casa forte: "ademais de ser unha casa moi adiñeirada, é aquela fabricada para habitar nela, con fortalezas e reparos para se defenderen dos inimigos". Noutras verbas, é aquela construción ergueita de forma moi rexa e con boa fábrica, protexida por algún sistema de cercados ou murallas e con algún elemento castrense para se defender. Velaí que o lugar do campo da festa de Sebil sexa coñecido como O Campo da Torre, dando fe deste feito histórico e da existencia dunha fortaleza medieval.

A TORRE DOS MOUROS
"Dende a Torre dos Mouros até o río Umia hai un túnel escavado, dende o cal levan os mouros os seus cabalos a beber".

No contorno próximo á fortaleza de Sebil debéronse localizar varias torres pequenas, a modo de satélites, que puideron colaborar no control dos lindes desta freguesía e visualizar posíbeis ameazas que puideran xurdir. Testemuño disto é a antiga torre chamada dos Mouros, levantada non moi lonxe da Ponte do Ramo -nunha elevación montañosa ou "mota"- e da que arestora só se conservan a cimentación e varias fileiras de perpiaños-. O folclore popular avisa do feito histórico e arqueolóxico inzándoo de lendas, ditos e tradicións centenarias:

"Disque un habitante da Torre dos Mouros disparou unha frecha cara ao Castro Sebil. Así matou ao último mouro que nel vivía".

A FORTALEZA DE MONTIVAL
A freguesía de Troáns albergou unha importante construción nobre próxima ao río Umia denominada o pazo, a torre ou a fortaleza de Montival, centro do control señorial polos cabaleiros feudais. Hai indicios de que debeu existir na primeira metade do S. XIV e que a finais do XV xa era unha realidade e formaba parte das propiedades que posuía o mariscal de Castela D. Sueiro Gómez de Soutomaior, quen gobernou esta parroquia xunto coas de San Mamede de Piñeiro, Santa Baia da Portela e o couto de Arcos de Furcos.

Sabemos que seguiu en pé até o S. XIX, cando se desmontou a torre, se derrubaron as murallas e quedou unicamente unha casa principal con cercados secundarios. A fortaleza estaba constituída por unha casa de residencia, varias dependencias auxiliares ou casas baixas, unhas fortes murallas exteriores, cando menos unha torre localizada ao setentrión da casa, e numerosas fincas de labor, devesas, soutos e hortas. Ademais, tiña este edificio a condición de "mero, mixto, imperio", o que vén a sinalar, en palabras do historiador e galeguista A. López Ferreiro, que o dono do couto non só tiña a potestade de impoñer penas aos delincuentes "senón a de coñecer, sentenciar e terminar calquera causa civíl".

Pía bautismal medieval de
San Miguel de Couselo

O PAZO DO SOUTELO DO BARRAL
No S. XIV xa existía este pazo, que formou parte dos bens do mosteiro de San Miguel de Couselo, recaendo, por aforamento de San Martiño Pinario -cenobio que absorbe as facendas de Couselo así como a súa vida monacal-, en diversas persoas destacadas até cando menos mediados do S. XVIII.

Esta construción foi denominada de múltiples xeitos -paço, pazo, palacio ou casa grande-, pero sempre dando conta de que se trataba dun fogar señorial -de considerábeis dimensións- ao redor do cal se dispuñan diversos edificios adxectivos (celeiro e cortes), e non poucas superficies agropecuarias.

A CASA TORRE DA VILA DO BAÑO
Deste edificio, que se ergueu no centro urbano da vila, sabemos que se trataba dunha casa grande cunha torre unida a un dos seus extremos, un eixido ou pequena horta nas súas proximidades e varias casas auxiliares de pequeno tamaño, do que as probas documentais informan que xa na primeira metade do século XVI estaba arruinado e do non se conserva ningún rastro na actualidade.

 


 
Aviso legal || O Concello || Contactar
Todos os dereitos reservados 2008 ©