>> Templos parroquiais e conventuais
>> Ermidas, capelas e santuarios

Igrexa parroquial de San Breixo de Arcos de Furcos

A actual igrexa parroquial de San Breixo, con torre das campás no centro da súa fachada, foi trasladada pedra a pedra dende as proximidades do lugar de Arcos de Arriba -concretamente do lugar da Manguela, no que houbo un antigo mosteiro que xa existía polo S. IX- aló pola época barroca, como así o demostra o estilo no que está construída.

O templo ten planta de cruz latina e dentro del venérase a San Breixo, a Virxe do Rosario, a Virxe de Monserrat, San Sebastián e multitude de santos máis que completan o devocionario desta freguesía. Nas inmediacións consérvanse restos construtivos de época románica, que nin tan sequera foron aproveitados na arquitectura moderna, como tamén tres lumieiras -de arco conopial- pertencentes a un antigo baldaquino datable entre os séculos XV e XVI. En tales restos escultóricos, fincados no muro do adro parroquial, recréanse tres escenas bíblicas: a Natividade, a Adoración dos Reis Magos e o Desencravo de Xesús Cristo. Existiu unha cuarta lumieira, hoxe desaparecida, na que se representaba -segundo parece-, a Anunciación. Un altar de pedra, cos símbolos dos mártires do cristianismo (neste caso facendo alusión a San Breixo), unha pía bautismal e unha sepultura escrita en caracteres góticos completan este pequeno conxunto de interese histórico-artístico; mais non nos debemos esquecer do seu singular cemiterio e o seu cruceiro.

A parroquia conta cos seguintes núcleos de poboación: A Anllada, Arcos, O Caeiro, A Casa da Cruz, A Casiña, Cornado, Ducío, Ferreiros, Furco, A Gándara, O Piñeiro e Piso.

Enlace relacionado
Antigo Mosteiro

 

Igrexa de Santa María dos Baños de Cuntis

Localizada no centro da vila, a igrexa de Santa María foi reconstruída na primeira metade do S. XVIII a partir da fábrica da súa predecesora románica. Ten torre para o campanario e espadana, planta de cruz latina e no seu interior distribúense seis altares con numerosas imaxes relixiosas de importante valor artístico, talladas por escultores como Gambino, Xosé Ferreiro, Francisco Asorey e Uxío Souto. Destacan entre outras pezas a Dolorosa, a Virxe do Carme, o Cristo Xacente -que ademais é articulado- e todo o conxunto de imaxes localizadas no altar maior.

Aínda que este templo conserva unha fisionomía propia do barroco, as súas orixes habería que buscalas, cando menos, no S. XI, cando formaba parte das instalacións cenobíticas do mosteiro de Santa María de Termis. No entanto, sepulturas do altomedievo e da época sueva tamén foron descubertas nas súas inmediacións.

Os núcleos de poboación desta freguesía son: Cuntis, Calvos, O Campo, Cardecide, Castrolandín, A Ermida, O Folgoso, Fontecova, Foxacos, Laxos, A Louriña, Meira, Mesego, O Noval, A Paizosa, A Patela, O Pazo, Piñeiros, Porto de Gómez, Rebordelo, O Rogadío, Trasponte, Vilar, Vilariño, Xinzo e Zo.

Enlace relacionado
Antigo Mosteiro

 

Igrexa de Santa María
de Cequeril

A primeira referencia documental sobre Santa María de Cequeril data de 1217, asegurándonos que durante esa época xa existía un templo de traza románica e que durante a efervescencia barroca foi derrubado e ideado cunha estética máis moderna. O edificio actual, con torre que se eleva no centro da fachada, contén varias imaxes relixiosas de importante valor histórico, como un Santiago Apóstolo, un fragmento do lignum crucis e dous pequenos relicarios cos ósos das santas Honorata e Liberata, que Don Francisco da Ruza e Silva trouxo da "Corte de Roma".

Cómpre deterse a observar o seu cemiterio, no que lápidas de comezos do S. XX e finais do XIX, ou pequenos mausoleos familiares -románticos e modernistas- anuncian con detalle o magnífico labor dos nosos canteiros.

O Agro do Monte, Cequeril, A Corga de Abaixo, A Corga de Arriba, A Cruz, A Igrexa, Mato, A Penela, Sebil e Vilar de Mato son as entidades de poboación desta parroquia.

Enlace relacionado
Cemiterio

 

 

Igrexa de
San Miguel de Couselo

O antigo templo parroquial de San Miguel de Couselo estivo localizado na aba oriental do monte Xesteiras e, durante a súa historia, sufriu diversos cambios arquitectónicos importantes. Sabemos que con anterioridade fora prerrománica, xusto cando formaba parte dos inmóbeis dun mosteiro que se fundara na Alta Idade Media; logo, durante o S. XII absorbería a estética románica e, pouco a pouco, entrados no barroco, a súa faciana iría cambiando. O mestre de cantería cuntiense Isidoro Gontad, en 1791, desfaría a antiga portada deste edificio e construiríaa nun estilo propiamente barroco.

Co tempo, a igrexa trasladaríase até o lugar onde hoxe se encontra, ao pé do lugar de Mourigade, deixando o seu antigo predio -na aba oriental do monte Xesteiras- para se erixir de novo, mais con outro aspecto, totalmente neoclásico. A obra, dunha única nave e con espadana para as campás centrada no alto da fachada, executaríase durante o ano 1877. Na actualidade aínda podemos comprobar nos seus muros algúns restos arquitectónicos do seu pasado románico, así como numerosas marcas de canteiros que demostran a antigüidade desas pedras labras, hoxe aproveitadas para unha construción decimonónica.

Conta esta freguesía con tan só seis lugares: As Carballas, Constenla, Couselo, Mourigade, O Pazo e A Raxeira.

Enlace relacionado
Antigo Mosteiro / Plena Idade Media

Igrexa de
San Fins de Estacas

Templo de estilo neoclásico, datábel por conseguinte no S. XIX, que conta cunha monumental torre de tres corpos. O retablo do altar maior é de comezos do S. XX, cun estilo case que neogótico, no que se acubillan, entre outras, as imaxes de Xesús Cristo crucificado, a Virxe do Rosario, San Xoán "O Bautista" e San Fins. Presenta a curiosidade de que o sagrario en lugar de mirar ao nacente (Xerusalén) faino ao poñente.

Seis son os núcleos de poboación desta parroquia: A Bragaña, O Casal, Magán, Teaño, A Torre e Vilameán.

 

 

Enlace relacionado
Pazo Abacial de Estacas

 

Igrexa de
San Mamede de Piñeiro

Posúe unha arquitectura de transición do barroco ao neoclasicismo. Ten planta en cruz latina, propia da arquitectura románica e unha torre campanario de tres corpos colocada á dereita da fachada.

No interior deste edificio custódianse as imaxes do patrón (San Mamede), Santo Antón de Padua, San Brais, S. Roque, a Inmaculada e a Nosa Señora da O -A Virxe Preñada de Xesús Cristo-. Tamén podemos contemplar restos escultóricos datables entre o último cuarto do S. XV e a primeira metade do XVI.

Belai, Gontade, Guimarei, A Igrexa, Montesandeu, A Sobreira, Soutelo, O Toucedo e A Toxeira son os nomes dos lugares existentes na actualidade nesta parroquia.

Igrexa de
Santa Baia da Portela

Templo barroco de transición ao neoclasicismo; mais, como é obvio, esta non foi a fisionomía orixinal do templo, posto que durante o medievo debeu seguir o estilo propio daquel entón -lembremos que comeza a ser documentada a existencia desta parroquia a finais do S. XIII-.

O templo ten unha única planta, fachada con espadana centrada ao medio e porta principal con molduras características do barroco de placas. No seu interior consérvanse as imaxes da patroa, das virxes do Rosario e do Carme, do Sagrado Corazón, de San Xosé e de Santo Antón de Padua.

Portela, como freguesía, conta con catro núcleos de poboación: O Loureiro de Abaixo, O Loureiro de Arriba, Novás e Portela.

Igrexa Parroquial de
Santa María de Troáns

O primeiro testemuño da freguesía de Troáns data dos albores do S. XI, o que dá conta da súa existencia, cando menos, na centuria anterior. O templo parroquial -dedicado á Virxe María e con torre campanario- é fundamentalmente barroco, como todos os seus altares decorados cunha exuberante ornamentación; no entanto é bastante curiosa a existencia de dúas sancristías e a súa planta basilical, que confecciona dúas naves laterais e unha central, o que nos fai ver nela unhas claras orixes prerrománicas, concretamente do S. X. O edificio antigo, até as remodelacións barrocas, contaba cunha nave central con teitume de madeira, cuberta de tella, a dúas augas; e as colaterais, igualmente realizadas cos mesmos materiais, con teitume a unha única auga.

Igrexa Parroquial de
Santa María de Troáns

Dentro da imaxinería relixiosa do seu interior podemos destacar, polo seu valor tradicional, o "Altar do Demo", onde se representa un San Miguel Arcanxo matando ao diaño.

Ao carón deste templo sitúase a casa reitoral, unha clara proba do poder que tiveron os párrocos deste beneficio curado, un testemuño arquitectónico de que os cregos pertencían a outro estamento social.

Constitúen esta parroquia os seguintes núcleos de poboación: O Campo, A Cova, O Folgar, Guldrigáns, A Hervés, Lornés, Novás, A Pena de Arriba, A Pena de Vilabar, Santo Ildefonso, Sobrada e Vilabar de Abaixo.


Enlace relacionado
Pazo Abacial de Troáns


Convento de
San Bieito de Pereira

As instalacións monásticas de San Bieito de Pereira están localizadas nun outeiro próximo ao casco histórico e son de erección recente. No 1868 Carme Baliñas de Castro, unha fidalga natural destas terras, logo de tomar os hábitos decide fundar no lugar de Pereira un convento que observase a regra de San Bieito. Aínda que algunhas construcións poden ser anteriores á fundación monástica, do conxunto de edificios destaca unha fermosa fachada conventual, de estilo neoclásico, presidida pola imaxe do patrón. No recinto de entrada un amplo portón, coroado dunha cruz de pedra e un par de pináculos, reciben ao visitante e, na praciña que se conforma coa entrada, a igrexa e a casa do capelán e un fermoso cruceiro cun peto de ánimas completan a estampa. Como curiosidade, o altar maior olla cara ao solpor, e no seu interior consérvanse varias imaxes relixiosas de importante valor, entre outras un San Bieito e a súa irmá, Santa Escolástica, xunto ao popular "Demo de Pereira", escultura na que se representa ao arcanxo San Miguel que mata a Satanás.

O altar maior, de aires clasicistas, busca semellanzas -alén das obvias diferenzas- coa columnata de Bernini da basílica vaticana de San Pedro.


Click aquí para ver o mapa.
San Breixo de Arcos de Furcos
Santa María dos Baños de Cuntis
Santa María de Cequeril
San Miguel de Couselo
San Fins de Estacas
San Mamede de Piñeiro
Santa Baia da Portela
Santa María de Troáns
San Bieito de Pereira



 


 
Aviso legal || O Concello || Contactar
Todos os dereitos reservados 2008 ©